DVD Ediciones.com en el centenario de Álvaro Cunqueiro
Coordinan Ángel Cerviño y Juan Manuel Macías


Rexina Vega


A ESPLÉNDIDA MONOTONÍA DE ÁLVARO CUNQUEIRO

Todo escritor es monótono y todo gran escritor, espléndidamente monótono.
Álvaro Cunqueiro

UN HOME SÓ

Pode que a estas alturas, mudado xa o milenio, ninguén poña en dúbida a súa enorme altura literaria e o grao de consciencia e reflexión que tivo sobre a súa obra e o seu tempo. Con todo, durante demasiados anos Cunqueiro tivo que soportar unha imaxe falseada de si mesmo. A natural tendencia á simplificación e os numerosos prexuízos ideolóxicos e estéticos da época fixeron que o escritor se vise decote na necesidade de xustificar ou contrarrestar os tópicos nos que tendían a choelo. A súa é unha experiencia singular, unha travesía solitaria na que, a pesar das apariencias, contará con moi poucos interlocutores.

Varias son as causas desta dificultosa relación cos contemporáneos, entre elas o seu temperán vencello cos falanxistas, aos que se une no momento álxido do terror e o medo e para os que axiña deixará de ser fiable; a súa escolla tanto do galego coma do castelán como linguas de creación e que o debuxan como lábil escritor de fronteira; a práctica dunha literatura de imaxinación tan estraña aos modos hispánicos e tan en contra dos presupostos da literatura social en boga durante décadas… A suma de todos este factores acabarán por situalo nunha posición incómoda, nunha especie de limbo do que se esforzará, en vano, por fuxir.

Nunha conferencia dada en 1976 en Madrid no seo da Universidade Nacional de Educación a distancia e publicada pola editorial Ouvirmos en formato de audiolibro, atopámonos cunha reflexión de carácter xeral sobre a obra e os resortes da poética que rexen o traballo do creador. É este un balance feito nas vésperas do remate dos seus traballos e os seus días, -Cunqueiro conta con 65 anos e finará apenas seis anos máis tarde-. Nesta reflexión que, por veces, parece revestir o carácter de epílogo, o escritor vai debullando as claves do seu mundo, o poético e o real, que en el son, a miúdo, inextricables, e establece unha persoal xerarquización das súas obras. Trátase dun esforzo de desdobramento, de distancia para consigo mesmo. E é aquí, na delicada consciencia de moitos dos trazos da súa arquitectura poética, na reivindicación de camiños e valores, na sutil e aceda reacción contra as lecturas banalizadoras, onde podemos albiscar a dolorosa vivencia da soidade, a conciencia de habitar nas marxes dunha literatura que, malia recoñecelo, o manterá sempre arredado entre brumas.

GALICIA AO FONDO

Nesta conferencia revélase tamén o xeito de enfrontar a súa presenza en dúas linguas, en dúas tradicións literarias. Consciente de falar nun foro de difusión estatal o Mindoniense amosa un especial coidado en reclamar a importancia da súa obra en galego. Fronte á xeral tendencia á absorción ou ao simple menosprezo que amosan as letras castelás respecto das outras literaturas peninsulares, o escritor reivindica de xeito expreso a súa condición de bilingüe e bicultural “asimétrico”, poñendo de relevo o galego como a súa lingua “más propia y natural”.

A énfase que o conferenciante pon na súa identidade galega demostra ben ás claras o modo no que quixo exercer a práctica bilingüe sen renunciar nunca á súa inicial pertenza. Neste discurso Cunqueiro refírese ao galego como “lingua de fondo” presente na súa escrita en castelán. As súas páxinas no idioma de Cervantes testemuñan ese continuo xogo de metatradución, ese pertinaz desexo de preservar o eco da lingua vernácula, consciente da súa tradición, pero tamén do poder expresivo do híbrido, ao tempo dislocador e arcaizante.

Pero a referencia a Galicia non só abrangue a lingua senón tamén a elementos clave do seu mundo de ficción: a paisaxe, a inclinación cara á fantasía e o insólito, os modos da tradición oral...

Fronte á fronteira que críticos e manuais divulgativos impuxeron na súa obra, unha fronteira que ten que ver coa lingua na que escribe pero tamén cos modelos literarios cos que dialoga, chama a atención a visión integradora do propio autor. Así ao longo da conferencia vemos desfilar obras galegas e castelás de xeito indistinto como proba do mesmo impulso, dos mesmo resortes esenciais.

Moitos destes resortes teñen a súa orixe na infancia, unha etapa feliz e plena para ao noso escritor e á que volverá sempre que lle sexa preciso explicar a xenealoxía da súa ficción.

No sentir do escritor, o Mondoñedo natal púxoo en contacto cun tempo antigo, detido. Será este carácter arcaico o que fará que, desde ben cedo, tome consciencia de que posúe un mundo especial do cal contar. Moitas veces repetiu que quizás el conectase co mundo da fantasía porque a súa era unha cidade de tesouros agachados, o das alfaias dos castrexos custodiadas polas lendas de fadas e de mouros. A idea mesma do tesouro, á que dedicará o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega aparecéselle ligada ao prodixio da palabra, do achado lingüístico e da tradición oral. As palabras antigas, os vestixios doutros tempos que sobreviven aínda con forza na comarca da nenez son continuamente recordados polo escritor como alicerces da súa imaxinación evocadora. Os romances carolinxios e artúricos, o do Conde Olinos, o de Don Gaiferos, a historia do Mariscal Pardo de Cela ou a do bispo San Gonzalo poboando uns recordos infantís extraordinariamente ligados ao pracer de escoitar.

A tradición oral, a experiencia dos romances por boca das mulleres, a asistencia fascinada á tertulia da rebotica do seu pai ou á barbería de O Pallarego, por onde desfilan coengos, cazadores, curandeiros, homes de oficio, labregos..., trazan unha marca indeleble no Cunqueiro novo. O seu xeito de dicir procurará sempre ir ao encontro dese modelo de narración, dese contar ao carón do lume, aclarando por un lado e complicando polo outro, mantendo a tensión e buscando a sorpresa. Nesta conferencia o autor fala do descubrimento temperá da “postura do narrador”. En efecto, todo o seu mundo de ficción construirase arredor dunha voz, dunhas voces que se esforzan por nos atrapar, por nos convencer da verdade daquilo que crean ao dicir. Os protagonistas de Cunqueiros son “homes-relato” homes que son a penas a súa historia, a historia que contan a aqueles que están dispostos a escoitar. Este ideal expresivo, ao que o escritor sempre foi fiel, baterá, porén, cos valores da súa época. Resulta moi significativa a este respecto a xustificación que podemos ouvir “no es que que no me interesen las nuevas técnicas pero yo no me encuentro en la obligación de innovar. Cuento como he oído narrar”. Trátase do desencontro do escritor co seu tempo, un tempo marcado pola experimentación formal, ao abeiro das experiencias do Nouveau Roman e o estruturalismo.

Non ten sorte Cunqueiro coa súa recepción, sempre na obriga de explicar, de facerse entender, de reivindicar o seu espazo, a súa representación dun mundo tradicional e atemporal. Con todo, poida que a propia percepción de Cunqueiro, ou cando menos o discurso público que mantivo sobre a súa obra, fose, tamén el, simplificador. O seu modo “algo antigo” de dicir, en realidade está impregnado dunha reflexión profundamente contemporánea sobre o estatuto da ficción e o lugar do narrador. Baixo modos, en apariencia, populares, Cunqueiro é quen de elaborar unha técnica narrativa que leva ao límite os mecanismos de representación, facendo da fragmentación, da multiplicidade de fíos argumentais, da ruptura dos límites convencionais entre a realidade e a ficción unha proposta fondamente vangardista.

Outro dos aspectos onde abrolla a galeguidade de Cunqueiro é na súa vivencia da paisaxe. Outra volta a infancia, como el sinala nesta conferencia, aparece na orixe. Da man do seu pai Don Joaquín, botánico e cazador, Álvaro descubrirá o amor ás plantas, as árbores, aos paxaros, aos animais todos do monte. “No he sabido nunca describir ningún paisaje que no fuese el gallego” dinos o escritor, algo doadamente comprobable en todos os seus libros, por máis que traten de Itaca, da Bretaña francesa ou do mundo árabe. Permanentemente os ríos, os mares, os vales e pumaradas, remiten ás vivencias primixenias dun autor que, como acontencía coa lingua, ten tamén unha paisaxe ao fondo, que marca obsesivamente a súa fabulación.

Mais non é só a lingua, o modo de narrar, a paisaxe .. aquilo que Cunqueiro aspirará a recrear unha e outra vez na súa obra tanto galega coma castelá. Hai tamén outro impulso que busca, entroncando cos alicerces da xeración Nós, profundar no noso imaxinario, no temperamento da tribo. A este labor de observación recorrerá moitas veces para dotar de relevo aos seus personaxes. O apetito do insólito, a inclinación á credulidade e á superstición, o cultivo da melancolía, a peculiar manifestación do erotismo… son trazos que plasmará explícitamente en obras como a triloxía de relatos galegos –Escola de menciñeiros,Xentes de Aquí e acolá e Os outros feirantes-, pero que tamén lle servirán, sen dúbida ningunha, para contruír a verdade de moitos dos seus protagonistas máis librescos.

LECTURAS OMNÍVORAS

Ao carón de Galicia, do seu compromiso e a importancia da súa unión coa terra e coas xentes, outro dos vectores aos que o propio Cunqueiro recorre para explicarse é ao libro, aos grandes clásicos da literatura -en especial á tradición grega e artúrica-, á erudición histórica…

Sempre se definiu, fundamentalmente, como lector, un lector voraz, omnívoro, posuidor dunha memoria deformante, que tende a facer las citas más significativas, los héroes más grandes y los criminales más míseros… O ouvinte que escoite con atención as palabras do Mindoniense na primeira das súas conferencias atopará tamén unha certa acritude nas súas palabras “ para inventar una erudición hay que tenerla” dinos, e é que precisamente o uso libérrimo da cultura, a súa recreación marcada pola subversión e a parodia, foi demasiadas veces vista como un exceso banal, un divertimento lixeiro e frívolo propio máis dun dilettante ca dun verdadeiro coñecedor.

A súa erudición fantástica, que o emparenta con Borges, e tamén, co seu grande amigo, Joan Perucho, posúe, como el mesmo se esforza por subliñar, un compoñente máis fondo, un desexo de sentido. O creador como demiurgo quen, desde unha xenial humildade, volve a camiñar por rueiros en apariencia esgotados actualizando e repensando a historia literaria. Para, como el mesmo nos di, acadar o punto máis alto na obra dun escritor: que os seus heroes, os que foron coñecidos antes ca el, sexan recordados co corpo e coa alma que el lles deu.

ESTRAÑA AVE DO PARAÍSO

A importancia da erudición, a continua recreación dos grandes mitos literarios nos seus textos: Hamlet, Orestes, Ulises, Sinbad, Artur, Merlin…, a busca da fantasía e o requintamento na anécdota, eran elementos radicalmente estraños aos usos celebrados no tempo no que escribe Cunqueiro.

E é que nas décadas nas que Cunqueiro dá os seus mellores froitos e logra recoñecementos de alto valor simbólico, como o premio Nadal, o realismo social é a tendencia que está a marcar o rumbo intelectual da nosa sociedade. A denuncia da inxustiza, a necesidade de plasmar os conflitos colectivos son as misións urxentes que debe cumprir a obra literaria. Por iso, polas olladas de esguello, pola acusación directa da súa obra como unha literatura de evasión ante a que moitos torcen airadamente o bico, Cunqueiro reacciona nesta conferencia “los críticos debieran comprender en todo caso que yo me ocupo del hombre aunque solamente sea de la parte de sus sueños” e, prosegue,: “los autores de la llamadas novelas sociales no han añadido más con sus obras a la aclaración y solución de los grandes problemas sociales, politícos y económicos de nuestro tiempo y ni aún a su emoción”.

A case catro décadas de distancia ninguén ten dúbidas da radical verdade desta apreciación, mais no tempo no que pronuncia estas palabras, Cunqueiro vai contra o pensamento dominante, moi consciente de que a súa obra, rara ave do paraíso, posúe unha dimensión e valor que tardará en ser recoñecido. Así, nunha carta ao seu amigo Francisco Fernández del Riego explica, a propósito da redacción de Las Mocedades de Ulises:

Quizabes, como pode acontecerlle ao Merlín, non se vexa ben aínda, pola conturbación e masturbación da época que vivimos, a súa real importancia. Pero cando salla a escritura da escolástica da anguria e do tremendismo, eu teño para min que serei visto como un dos escritores desta metade de século que tivo nas mans os froitos máis vivos e frescos. Amén”. Francisco Fernández del Riego, Álvaro Cunqueiro e o seu mundo, Ir Indo, pax 168.

A defensa da literatura de imaxinación é tamén a defensa dunha obra centrada, de xeito esencial, na pescuda dos grandes temas que atinxen a condición humana. Así, e de novo reaccionando contra as lecturas simplificadoras, que ven personaxes planos e arquetípicos nun inocuo e festivo mundo de fantasía, o noso escritor advirte “soy profundamente respetuoso con mis personajes que entiendo que son todo menos marionetas, y me hacen sonreír mucho menos de lo que pudiera sospecharse”.

Chama a atención este desexo de reclamar a transcendencia e a gravidade, boa proba do desenfoque da recepción da obra no seu momento. Así, Cunqueiro se esforza en trazar unha imaxe contraria a construída polos medios, incidindo nunha poética que ten a melancolía e o fracaso como eixo fundamental.

Orestes no se venga, sinbad el marino no navega a la especiería, Paulos muere porque ha dejado de soñar, parece que haya convenido conmigo mismo en transformar los éxitos en fracasos, convencido de que el fracaso es muchas veces es el éxito y la perfección más fecunda del alma humana.

Vestido con roupaxes arcaicas, co peso do canon da cultura occidental, co modo popular de contar e percibir o mundo, a proposta de Cunqueiro é, na realidade, profundamente contemporánea. Cunqueiro cuestiona a posibilidade mesma de dicir, a unicidade dun sentido, dunha lectura, fracturando as historias, saltando do real ao imaxinario, do vivo ao pintado, cuns personaxes que naufragan sempre, conscientes do radical artificio no que se basea toda identidade.

Publicado el 16/12/2011

Inicio | En el centenario de Álvaro Cunqueiro