DVD Ediciones.com en el centenario de Álvaro Cunqueiro
Coordinan Ángel Cerviño y Juan Manuel Macías


Manolo Figueiras


OXIMORON CUNQUEIRO

A tristeza é un luxo que só se poden permitir os mozos. Isto dicía Cunqueiro cara ao final da súa vida, alá polo 1980 cando prestou a súa imaxe en apoio da campaña do estatuto de autonomía de Galicia. É posible que sentira como se pechaba un círculo aberto máis de corenta anos antes, no 36, nunha situación política máis axitada, cando tamén traballou a prol da aprobación dun estatuto que o golpe truncaría. As mocedades de Cunqueiro foron de militancia galeguista para, posteriormente, xa na guerra, pasarse ao bando franquista onde relanzou exitosamente a súa carreira de escritor e xornalista. En 1944 caeu en desgraza segundo parece por mor da denuncia dun diplomático francés que o acusaba de ter cobrado uns artigos que non escribira. Boa ironía esta dos artigos se temos en conta que anos despois sería célebre entre a redacción de Faro de Vigo a facilidade e rapidez con que Cunqueiro escribía os artigos, mesmo cando só cumpría un texto para completar algún oco na composición de páxina. Tras da devandita caída, tornou a Itaca, quero dicir a Mondoñedo, onde pasou un período de exilio interior que literariamente foi coma unha resurrección; unha etapa vitalmente crítica pero creativamente deslumbrante xa que é nestes anos cando comeza a xestación das súas máis importantes obras narrativas.

Literariamente, Cunqueiro comeza sendo un militante vangardista próximo a Manuel Antonio para moi pronto e levado cecais da súa devoción pola lírica oral e do entusiasmo suscitado pola aparición dos cancioneiros medievais, entrar na poesía trovadoresca. Tamén é deste período a súa primeira incursión no xénero dramático coa obra Xan, o bo conspirador. Prólogo para unha traxedia, de marcado ton surrealista-lorquiano. Nas obras poéticas posteriores manterá sempre o trasfondo lírico alternando o trovadorismo de Dona do corpo delgado (1950) coa vangarda de Herba de aquí e acolá (1980). Deste último libro son estes versos que expresan a disociación existencial e estética: A mitade de ti morto sen enterrar / para que a outra mitade se decate. Ou estoutros: Ese alguén de meu que nunca volve/ á auga da infancia/ sen saber saír do laberinto./ Ese que é outro home que eu levo/ derrubado sobre min/ ou como a hedra 90 carballos abraza. De Poemas do si e non (1933): Eu nacín/ -entre as zocas e os lóstregos/ na metade da noite-. Fanto Fantini, un dos seu heroes máis logrados, comparte con Ulises e Simbad a ansia de definirse, convencido de poder chegar a ser o que quere. O seu conflicto xurde da súa capacidade de ensoñación, identificado e confundido coas personalidades de Lanzarote, o Duque de Provenza e o sobriño do Emperador, Fanto comprende a imposibilidade de soñar simultaneamente os soños dos tres homes que están nel e intenta ser un só, o verdadeiro, poder soñar o seu propio soño.

É coñecida a anécdota, contada por el mesmo, de que a primeira obra que escribíu Cunqueiro sendo aínda un neno foi un western no que os indios falaban galego e os vaqueiros castelán. A teoría psicoanalítica víu no oxímoron a representación perfecta da disociación persoal e da inversión simbólica con que frecuentemente se expresan os conflictos interiores. Nabokov, aqueloutro escritor bilingüe, detestaba a Freud e as súas teorías e, segundo afirma Harold Bloom na súa obra Xenios, unha simple alusión ao pai da psicoanálise abondaba para que Borges perdese a súa proverbial compostura. De Cunqueiro non coñezo opinións sobre o tema, pero cando en 1973 escribíu unhas notas xustificatorias para a segunda edición do seu drama O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958) explica que tras moito meditar no tema, aparecéulle un día, coma un lóstrego, a revelación de que o verdadeiro pai de Hamlet non era o rei asasinado senón o asasino e usurpador novo rei, co que prácticamente recreaba a trama de Edipo, máxime se temos en conta que tras matar Hamlet ao seu padrastro-pai, a propia raiña e nai do príncipe proponlle casar e consumar o incesto. Todo isto explica Cunqueiro sen en ningún momento facer mención de Sigmund Freud nin das súas teorías. Un lapso freudiano? Non parece. Unha posible resposta ofrécenola o propio Cunqueiro no prólogo da obra cando di que a pregunta real que o príncipe se fai é: ¿Pode un home, ao mesmo tempo, ser e non ser? ¿Cántos homes son precisos no escuro, pra faguer na luz un soio home verdadeiro? En calquera caso, para o autor, esta peza nace como unha explicación máis -pro como a explicación que en certo modo podemos decir “eterna”- dun suceso chamado Hamlet. (Nótese como Cunqueiro destaca coas comiñas a palabra “eterna”). Obviamente, Cunqueiro coñece e usa a Freud pero pasa de Freud. Con todo isto, pode vir ao caso algo que tempo despois diría Sloterdijk: O novo discurso sobre a utopía reflexa tamén un cambio importante dentro da comunidade psicoanalítica ou da que se interesa pola psicoloxía chamada das profundidades: comezamos a nos decatar de que, finalmente non é o inconsciente quen nos vai salvar. Esta foi, certamente, unha das grandes utopías do noso século, pensar que o descenso aos infernos dos nosos desexos ocultos puidera libererar un fluxo de enerxías produtivas que nos levarían a un porvir máis claro. Pero, agora, parécenos que máis ben é necesario esforzarse por crear un inconsciente á altura das nosas preguntas. Porque a banalidade do noso inconsciente é tan evidente e a esterilidade do tipo de soños que pingan del tornouse tan obvia, que precisamos recurrir a outro mecanismo anterior á psicoanálise.

Con todo, Cunqueiro, home do século XX, vive este conflicto entre as diversas instancias do psiquismo e a súa relación coa influencia determinante que a cultura -a sociedade- exerce sobre o individuo. Freud fala de instinto de repetición a proposito da tendencia infantil a repetir actos. Segundo o psiquiatra, esta tendencia é típica da vida instintiva, á que califica de esencialmente conservadora. Hai dous instintos básicos: o Eros que tende a enlazar e conservar unidades menores, e o de Tánatos que tende a romper as conexións entre as cousas, a destruír. Por esta razón tamén se chama instinto de morte. A relixión xurde da conciencia de culpabilidade dos fillos como tentativa de apaciguar ese sentimento e renconciliarse co pai por medio da obediencia retrospectiva. A sociedade fúndase na responsabilidade común do crime colectivo, a relixión na conciencia de culpabilidade, e o remordemento e a moral nas demandas sociais. A necesidade de que isto sexa asi orixina un conflicto constante entre individuo e sociedade. Para evitar a censura do supereu (instancia psíquica estructurada a partir da resolución do complexo de Edipo), ás veces oríxinanse no individuo mecanismos de defensa diversos: disociación, proxección, negación, regresión,etc. Un proceso algo diferente é o da sublimación. Aquí o impulso é canalizado cara a un novo e máis aceptable destino, non sexual, e busca realizarse en obxectos socialmente valorados, nomeadamente, a actividade artística e intelectual. No Hamlet de Cunqueiro, quen lle revela ao protagonista a súa verdadeira filiación non é a pantasma do rei morto como en Shakespeare, senón un coro colectivo que exerce a representación dos ausentes e que nun intre di: Son un e son moitos. Poido ser a noite e o día, verbas segredas, boatos que corren, sombras que pasan daquí para acolá escoitando.

Ulises é o heroe imperfecto, o personaxe mítico máis cercano de todos: non é deus nin semideus nin ten poderes sobrenaturais. Só é un humano que comete un erro e é castigado por eso. Con todo, a principal característica de Ulises é a súa astucia e intelixencia. Tamén Cunqueiro era extremadamente intelixente e, coma no grego, hai na súa personalidade rasgos de home de acción. En troques do mundo académico, escolleu o máis axitado campo do xornalismo como modus vivendi. Gostaba ás veces de xogar a ocultarse tras seudónimos ou heterónimos de poetas inventados. No seu amor pola vida, polo carpe diem de sentir e comer e ver e escoitar están cecais as raices do seu conservadurismo, e no seu amor pola oralidade popular pode residir a súa afección a participar en emisións radiofónicas. Neste aspecto (e tamén noutros) Cunqueiro era un home que se parecía a Ezra Pound, Dylan Thomas ou Julio Cortazar. Un artista do seu tempo, inquedo, curioso. E ás veces desconcertante, como cando nos anos sesenta se posiciona contra o informalismo de Tàpies e Cuixart. O vello vangardista pon a máscara de conservador. Ou era ao revés?

Onde acougar? Entre a poesía e a narración, a realidade e a fantasía, a vangarda e a tradición, o instinto e a cultura. Entre o galego e o castelán... Inabarcable Cunqueiro, ningún outro autor posúe o seu universo diexético, a súa fusión do si e do non, o ideal e o prosáico, o mítico e o pragmático... sempre sendo el pero, se cadra, soñando ser outro; querendo estar aquí, mais tamén acolá...

MANOLO FIGUEIRAS


Publicado el 1/2/2012

Inicio | En el centenario de Álvaro Cunqueiro